A semana que vén os agalipeños estaremos en Expoquimia, o salón internacional de química que se celebra cada 3 anos en Barcelona. Interésanos Expoquimia porque unha gran parte da nosa consultoría estratéxica realizámola para empresas neste sector e ademais, a diferenza doutros sectores onde a comunicación está máis ao día, no mundo industrial queda moito por facer.
A industria química é un xigante que pasa moi desapercibido aos ollos do gran público no mellor dos casos, e no peor é odiado e deostado. A continuación podedes ver algúns indicadores que a Federación Empresarial da Industria Química Española, FEIQUE, comparte na súa páxina web. A industria química é un sector produtivo cunha elevada cifra de negocio, lidera o investimento en I+D + i, xera emprego altamente cualificado e ten unha alta porcentaxe de contratos indefinidos:
Unha das tendencias de maior calado nos últimos anos é a forte aposta polos recursos renovables, algo do que adoito falar no meu blog sobre materiais innovadores, mundomaterial. O sector leva anos preparándose para o fin da era do petróleo. Outras tendencias para conseguir unha maior sustentabilidade son a redución de residuos, mediante a reciclaxe interna, ou a posta en valor dos produtos derivados: no canto de tirar, vendelo ou crear algo novo con iso.
Non é casualidade que a revolución na química sexa silenciosa. A comunicación segue sendo unha materia pendente para moitas das empresas, por varias razóns. En xeral os seus clientes directos son outras empresas, non o consumidor final, e por tanto as súas estratexias de mercadotecnia están baseadas na asistencia a salóns e congresos como Expoquimia máis que no emprego das novas tecnoloxías.
A idiosincrasia do sector fai que no canto de utilizar Facebook, Twitter ou simplemente as súas páxinas web, os profesionais céntranse máis na xeración de contactos. As redes profesionais como Linkedin ou Xing son as súas favoritas. Un bo exemplo é o grupo sobre Bioplásticos que xestiono en Linkedin, que xa conta con máis de 1.000 membros e no que se intercambian opinións sobre tendencias, ofertas laborais e publicítanse eventos.
Cando visitei Expoquimia no 2008 cubrín o salón no meu blog. Naquel momento tiven que explicar á organización o que era un blog, aínda que moi amablemente déronme o pase de prensa, e os expositores descoñecían aínda máis o concepto. Este ano espero que xa non sexa así, creo que as redes sociais son moito máis mainstream e non me enfrontarei a caras de incomprensión ou de divertida condescendencia… espero.
Os nosos obxectivos para esta edición son poder explicar a máis empresas españolas os nosos servizos de investigación de mercado e consultoría estratéxica, ademais de entrevistar a algunhas das máis interesantes, para publicar en mundomaterial. Se ides asistir a Expoquimia e queres coñecernos, non dubidedes en contactarnos.
Radiografía do Sector Químico Español, Federación Empresarial da Industria Química Española, novembro 2011
Algunos de nuestros trabajos para la industria química: