Estivemos de vacacións e de período de reflexión, como cada verán. E é que para nós os anos seguen sendo como cursos escolares, por iso ao final de verán facemos un pequeno balance de como foi a empresa, cara a onde queremos que vaia o próximo ano e cales son os nosos retos. Nada formal, só longas charlas, garabatos en papel e algunha que outra discrepancia ao decidir o camiño a seguir (por sorte o sangue nunca chega ao río).
Sempre comezamos do mesmo xeito: lembrando as cousas que queriamos facer para comprobar cales cumprimos e cales non. Este ano o balance foi positivo.
Algúns dos retos que nos puxemos en 2010 eran:
Unha das prioridades das empresas novas como a nosa é gañar clientes, pero sobre todo fidelizar aos conseguidos. Cando os teus servizos pídense de maneira recorrente, adoita ser que vas polo bo camiño. Os clientes que repiten son en xeral bos promotores do teu traballo, o que é unha boa forma de conseguir máis proxectos.
Unha alta porcentaxe da nosa facturación en 2011 foi grazas a clientes que xa traballaran connosco con anterioridade. Ademais conseguimos que a maior parte dos clientes gañados en 2011 xa repetisen connosco.
O 68% da nosa facturación en 2011 provén de clientes que xa traballaran connosco anteriormente
Un 55% da nosa cifra de negocio orixínase en Galicia. Do restante 45% unha parte importante levámolo a cabo co Reino Unido, que ademais mellorou este ano grazas á recuperación económica global, algo que desgraciadamente non notamos tanto con clientes en Galicia ou España.
Sabedes que a venda de servizos a outros países da Unión Europea está exenta de IVE?
En agalip temos dúas ramas diferenciadas de negocio: a consultoría estratéxica e os contidos a medida. Algúns dos nosos proxectos mesturan ambos, como cando levamos a cabo unha consultoría de contidos, co fin de aliñalos cunha estratexia de comunicación corporativa.
Un dos obxectivos para o 2011 era conseguir clientes de consultoría estratéxica ou investigación de mercado, fóra do Reino Unido, algo que logramos nada máis comezar o ano. Tamén queriamos quitarnos a espiña de non facer consultoría en Galicia, e tamén o logramos. Grazas a estes novos clientes, e aos que seguen repetindo connosco desde o Reino Unido, a consultoría é sen dúbida o noso servizo estrela.
A investigación de mercado e a consultoría estratéxica representa máis dun 60% da nosa facturación
Ademais de consultoría, durante 2011 realiñamos os nosos esforzos para centrar a nosa oferta nos contidos a medida e os nosos servizos editoriais (estratexia editorial, calendarios editoriais, edición). Cremos que, sobre todo na contorna web, a demanda deste tipo de servizos está a despuntar e, por fin, as empresas comezan a darse conta que os contidos, enfocados con datos e non por sensacións, son parte esencial para lograr os obxectivos que se marcan.
Aínda que seguimos ofrecendo aos nosos clientes outros servizos, como xestión de redes sociais ou creación de páxinas web, considerámolos como algo complementario á estratexia de contidos. Así que esta é unha das nosas apostas para o 2012: dar a coñecer mellor os beneficios de aplicar consultoría ao desenvolvemento de contidos no proceso de planificación, achegándonos ao tipo de clientes que aprecian esta formulación e que tanto nos gustan a nós.
agalip naceu case coa crise no 2008, despois de regresar de traballar no estranxeiro durante anos, coa intención de crear algo propio na nosa terra. O arranque non estivo mal pero foi 2010 cando se complicaron realmente as cousas – demasiado gasto, poucos ingresos (que non facturación), clientes que eran pagadores puntuais deixan de selo… E algún cliente que non paga en absoluto. Así que para sobrevivir este ano decidimos centrarnos en mellorar a nosa rendibilidade e escoller coidadosamente os proxectos. No 2011 decidimos dicir NON a certos traballos, algo liberador e que vos recomendamos se tedes empresas.
Non vos imos a contar todos os nosos segredos, pero foinos bastante ben. A estratexia principal para conseguilo foi centrar os nosos servizos en cousas que facemos in-house e que facemos ben. Cando un cliente pídenos algo que non facemos directamente nós, somos honestos, buscámoslle algún contacto que si o faga e pasámoslle o proxecto.
En 2011 conseguimos sacar o tempo necesario para lanzar oficialmente as nosas canles de comunicación online, cansados xa de tanto dicir: en casa de ferreiro coitelo de pao…. Era algo que tiñamos pendente e que estaba a reducir as nosas posibilidades de atopar a novos clientes.
Grazas á nosa web, podemos explicar mellor a que nos dedicamos, ademais de publicar de maneira periódica nosas impresións sobre temas varios. A nosa estratexia durante este ano centrouse en darnos a coñecer e facer pedagoxía sobre o tipo de servizos que ofertamos. Aínda que recoñecemos que estivemos desparecidos durante un tempo demasiado longo para o noso gusto. Pero xa sabedes: os clientes primeiro!
En 2012 gustaríanos ir máis aló e empezar a demostrar as nosas capacidades en consultoría e creación de contidos, así que agardamos ter tempo abondo para ofrecer contidos de maior utilidade á comunidade. Tamén estamos a considerar cambiar o formato das nosas publicacións e comezar a usar formatos que nos permitan unha maior discusión que as entradas, que se nos quedan algo pequenas. O calendario editorial xa está decidido, agora só temos que cumprilo.
No Reino Unido o noso esforzo en mercadotecnia baséase exclusivamente nos traballos realizados desde aquí e son os nosos propios clientes quen nos recomendan. Temos pendente o blogue en inglés para promocionarnos máis por esas terras, pero a falta de tempo por carga de traballo aínda non nolo permitiu. Por sorte temos bos clientes que non se cortan en falar ben do noso traballo, algo que sempre lles agradeceremos.
En redes sociais consolidamos a nosa presenza corporativa… Seguimos unha estratexia simple: Non queremos saturar á xente.
Facebook usámolo para colgar ligazóns de cousas que vemos que nos gustan e que pensamos que poden gustar ou facer graza a máis persoas. En Twitter a nosa presenza é discreta a nivel de empresa, non así as nosas contas persoais, con apenas 400 chíos desde que comezamos.
Do que máis orgullosos estamos non é tanto o número de seguidores senón máis ben quen sodes e de onde estades: a inmensa maioría estades por aquí preto e apenas nos seguen contas marketineras ou robotizadas. Descubrístesnos novos intereses e escoitamos conversacións realmente estimulantes e interesantes. Algúns de vós pasastes de entes virtuais a amigos de carne e óso… para que logo digan que as novas tecnoloxías fannos menos sociais!
LinkedIn demostrou ser a máis efectiva para nós. Conseguimos un par de proxectos a través desta rede social e tamén foi de gran axuda á hora de conseguir información de profesionais de alto nivel en temas de consultoría.
Todo isto axudounos non só a gañar novos clientes, senón tamén a recibir propostas de colaboración moi interesantes e cremos que a pór en valor as nosas competencias máis características.
A todos os que nos acompañades no mundo dixital: GRAZAS