Onte asistín ao #kfe04 Innovación, un encontro informal sobre as cidades educadoras, que se celebraba simultaneamente en 46 sedes. Eu estiven na de Santiago, organizada por Manel Rives e Fátima García. Falamos de moitas cousas, como a falta de aprendizaxe de habilidades brandas na universidade, o sistema educativo que dirixe a memorizar, matando a creatividade polo camiño, a educación formal e a informal, a formación na empresa, a obsesión cos títulos e as certificacións… A continuación cóntovos algúns temas que me interesaron especialmente.
Entre os asistentes había varios docentes – aínda que para a nosa sorpresa non eran maioría. Tanto Manel Rives como Fátima García comentaban que a escola tiña que saír do seu recinto, sacar aos estudantes e aproveitar a cidade para ensinar. Cando lles preguntamos polas razóns para non facelo máis a miúdo, contestáronnos que moitas veces se trata da desidia do profesorado. As razóns esgrimidas en moitos casos non son máis que pretextos, entre os que se atopan:
Nunha cidade como Santiago, onde a Universidade ten un peso tan importante, todos estivemos de acordo en que o coñecemento xerado nela non se transmite ao resto da poboación, manténdose nos círculos académicos. Unha das razóns de peso para que isto sexa así é que se considera en certos sectores que o coñecemento especializado ten que ser obtuso para ser de calidade (!). A isto hai que engadir a falta de divulgadores, provocada por unha visión deostada da divulgación e a ausencia de preparación nas carreiras para falar en público. Cremos que a Universidade debería difundir o coñecemento xerado co resto da sociedade, en eventos informais, accesibles e atractivos para a cidadanía.
Como non todo ten que ser negativo, Fátima García contábanos como despois de moito buscar axuda en institucións para desenvolver un proxecto sobre accesibilidade, atopou a estudantes motivados no Departamento de Enxeñería Telemática de Vigo, que agradeceron poder facer proxectos que fosen resultar de interese para a sociedade, no canto de quedar collendo po nun andel. Por mor diso, Pérez Gulín, da Fundación Galicia Sustentable, comentábanos que un dos grandes problemas ao revisar proxectos españois en programas europeos, é que non teñen obxectivos claros: non mostran claramente que problema solucionan na sociedade. Persoalmente creo que isto podería mellorar se os estudantes tivesen máis oportunidades de realizar proxectos con empresas. Ao longo da miña vida académica, toda a investigación que realicei foi en colaboración con empresas e unha das partes máis gratificantes era ver como o proxecto transformábase nun produto tanxible. Moi poucos investigadores teñen unha vocación puramente teórica como se pretende impor ás veces nas nosas universidades.
Enrique Castro dicía que na súa opinión Santiago só conta cun espazo no que a xente poida interacionar durante o seu tempo libre: Área Central. Eu estiven en desacordo, porque me parece que Santiago conta cunha gran cantidade de parques que ademais están deseñados para favorecer a interacción, como o parque de Belvís e as súas hortas Urbanas, a Alameda e o seu paseo da Ferradura, ou Bonaval e as súas zonas diferenciadas. É certo que os parques en Santiago contan cun problema: a choiva.
Eu comentei que para min un problema é o acotamento dos espazos, que se delimitan – de forma real ou na nosa mente – para cumprir unha única función, o que desaproveita o seu potencial. Puxéronse varios exemplos surrealistas, como parques (de randeeiras) nos que está prohibido xogar á pelota, patios de colexio onde non se pode xogar ao trompo, etc. Pareceume tamén moi entrañable o que nos preguntásemos onde podían facer os nenos un gua para xogar ás canicas hoxe en día.
Como temas recorrentes que volvían repetirse en case todos os puntos anteriores, estaba o da sociedade controlada polo medo. O medo ao perigo, o medo ao risco. O medo que fai que se protexa de tal maneira aos nenos que os privamos de aprender a calcular perigos e xestionar riscos. O cal é moi perigoso en si mesmo. Aprender a calcular o perigo que conleva unha situación, fainos en realidade máis prudentes – ou polo menos esta é a miña experiencia como nai. Se isto non forma parte da aprendizaxe, estaremos a educar a individuos que ou se porán en grave perigo por desafiarnos ou deixarán de facer cousas polo temor que lle inculcamos.
E aquí tamén entramos nun tema sobre o que tiven bastantes discusións, a xestión do risco na toma de decisións. Creo que moitas veces o inmobilismo que se aprecia nos mozos a nivel laboral é froito dunha cultura que lles ensinou a seguir un camiño «seguro», inculcándolles que arriscarse é altamente desaconsellable. Pero todos arriscámonos na vida inevitablemente. O que deberiamos facer é tomar decisións valorando o risco como un factor a ter en conta, non a evitar totalmente. Por exemplo, eu creo que cando alguén que empeza a súa vida laboral decide quedar nun traballo mal pago ou pasarse anos tentando sacar unha oposición crendo que é a opción segura, en realidade non valoran o risco que leva. Arríscanse a deixar de aprender, a estancarse, a competir con miles como eles e non destacar no futuro. É realmente máis arriscado perder 2 anos da túa vida tentando montar unha empresa, facendo un ano de voluntariado ou participando nun proxecto non convencional – co enriquecedoras que poden ser estas experiencias? Animemos aos mozos a arriscarse, de maneira calculada e intelixente, pero a arriscarse.
A min a discusión de onte sóubome a quecemento, a tentear por onde van as cousas e que puntos se poderían mellorar. O que aquí escribo é unha visión parcial, resumida e desde logo non é igual que asistir ao evento, coñecer á xente e vivilo. Teño a impresión de que volveremos quedar, de que a discusión continuará e que é posible que nalgún momento transfórmese noutra cousa, aínda por definir.